Frío Extremo

Existe numerosa evidencia científica que demostra a influencia dos extremos térmicos sobre a saúde. A influencia da calor e do frío extremo na saúde ten un impacto directo na morbi-mortalidade.

Os efectos das baixas temperaturas non se producen de xeito tan agudo e repentino coma no caso das altas temperaturas. Por iso non se experimentou para as vagas de frío un evento que presione o sistema sanitario dun xeito equiparable á vaga de calor do ano 2003. E, xa que logo, non se desenvolveron os plans de prevención fronte ás baixas temperaturas dun xeito tan enérxico como ocorreu para as altas temperaturas. Así e todo, este é un factor de risco ambiental que non pode ser desprezado e os seus impactos na saúde poden ser mesmo superiores cós da calor extrema.

As baixas temperaturas asócianse coa intensificación de doenzas na poboación vulnerable a medio e longo prazo, xunto coa acción oportunista de axentes infecciosos. Os seus efectos na saúde son máis difusos cós ocasionados polas altas temperaturas, dificultando a identificación das baixas temperaturas coma un risco presente tanto por parte dos pacientes coma dos profesionais e do público en xeral.

Os plans de prevención demostraron a súa eficacia na redución da mortalidade atribuíble por exceso de temperatura, polo que se deduce que tamén terán un efecto na morbi-mortalidade asociada ao defecto das temperaturas. Maniféstase a necesidade de establecer e desenvolver plans preventivos en saúde pública específicos para mitigar os efectos das baixas temperaturas sobre a saúde da poboación. Esta necesidade recóllese no Plan Estratéxico de Saúde e Medio Ambiente (PESMA), elaborado polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o cal establece, entre as suas accións, o desenvolvemento e implementación dun Plan Nacional de actuacións preventivas por baixas temperaturas co obxectivo de reducir o impacto sobre a saúde da poboación asociado ás baixas temperaturas.

No Plan Nacional de actuacións preventivas por baixas temperaturas establécense as recomendacións para reducir os efectos na saúde asociados ás baixas temperaturas, así como as medidas para coordinar as institucións da Administración do Estado implicadas, e propóñense accións que poden realizar as Comunidades Autónomas e/ou a Administración Local. Así mesmo, establécense determinadas accións para a prevención e o control, estruturadas en varios niveis de actuación segundo o nivel de risco atinxido por mor da baixa das temperaturas. Ademais, propón a recollida de información preditiva sobre a temperatura ambiental e información diaria sobre os cambios cuantitativos da mortalidade, e establece os criterios do sistema de información que permite a vixilancia activa dos riscos asociados á exposición a baixas temperaturas.

Si desexa localizar información relacionada co contenido desta páxina, utilice o buscador